Marcade a data no calendario!
De Rosalía a Craveirinha. A marabillosa viaxe da lingua Galega.
Tras varios anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de países como Brasil, Mozambique, Portugal, Cabo Verde ou Guiné Bissau, Fran Pérez “Narf” foi construíndo un repertorio que, partindo do Galego, foise ampliando co intercambio con outros creadores da Lusofonía, xerando un pequeno ámbito de convivencia entre linguas que comparten a mesma orixe.
Aproveitando o lanzamento do seu último disco “Nas Tardes escuras”, no que NARF explora a poesía de Rosalía de Castro desde a linguaxe innovadora e contundente do Rock contemporáneo, con sorprendentes resultados e magníficas críticas; o artista propón para os estudantes unha viaxe musical que ilustrará diferentes aspectos da potencia e modernidade da nosa lingua no mundo de hoxe, como vínculo de intercambio, expresión artística e de comunicación coas distantes culturas que comparten con nós o tesouro dunha lingua de raíz común. Poemas cantados, que van dende a voz atlántica da nosa Rosalía ata os poemas índicos do Mozambicano José Craveirinha pasando polo portugués Luis de Camões, ata outros autores contemporáneos como Xelís de Toro (Galiza), Sonia Sountuane (Mozambique) ou Paulo Macamo (Mozambique).
Ademais outras cancións escritas polo propio Narf en colaboración con artistas como Manecas Costa (Guiné-Bissau). Neste concerto, de formato intimista, escoitaremos cantar en Galego, en Portugués, en linguas de orixe bantú como Shangana ou Machopi, e tamén en Inglés escrito por galegos, dando a entender a gran capacidade do noso idioma e da nosa identidade para conectar a persoas de moi diferente orixe cultural, pero que teñen o vínculo da fala, que funciona como una ponte única para o encontro.
Desas experiencias vitais, reflectidas nas cancións, falará Fran Pérez durante o concerto, ofrecendo tamén a posibilidade de establecer un diálogo cos alumnos, de maneira moi distendida, entre canción e canción, respondendo ás preguntas que desexen facer.
Fran Pérez “Narf” participou en importantes festivais da Lusofonía, como o Mercado Cultural de Salvador da Bahía, (Brasil), varias edicións do Festival d D´Agosto en Maputo (Mozambique) Festival de Mindelo (Cabo Verde) ou Cantos na Maré en Pontevedra. Tamén presentou os seus concertos en cidades como Sao Paulo, Buenos Aires, Londres ou Nova Delhi.
Recentemente o disco “Aló Irmao”, un traballo conxunto co Guineano Manecas Costa, acadou o nº 1 das listas da emisora RDP AFRICA, que emite para todos os países da Lusofonía. En decembro de 2013 foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, como o mellor artista galego na categoría de Rock/Blues/Funk/Soul.
Na actualidade presenta os seus concertos en formato de trío rock, ou en solitario.
www.franpereznarf.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario