A Biblioteca ten o pracer de convocar un concurso de haikus de amor para celebrar o Día dos Namorados.
Un Haiku é un tipo de poema de orixe xaponesa que se caracteriza pola brevidade e por ter unha métrica moi concreta, de xeito que se compón de tres versos de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente. De todos os xeitos hai certa flexibilidade ao compoñelo.
Adoita integrar un kigo que consiste nunha mención á estación do ano, ben sexa de forma literal ou metafórica, por exemplo se mencionamos flores enténdese que falamos da primavera, etc.
Vexamos un exemplo:
Odio o amor
dixo a margarida
véndose calva. Medimos a métrica para comprobar o número de sílabas.
O-dio o a-mor (4+1=5 por rematar en palabra aguda)
di-xo a mar-ga-ri-da (7)
vén-do-se cal-va (5)
Neste caso a palabra margarida é o Kigo porque simboliza a estación da primavera
Outros exemplos, con e sen Kigo, poden ser:
Noite pechada,
incerta…Chegas ti.
Faise a luz.
Seremos como
Terra, Ceo, fundidos
acabaremos.
No gran altar
do teu corpo recei
mantras pagáns .
Tanto que darche!
Toda a miña vida...
Tanto que amarte!
Amañecer
no medio dos teus brazos.
Non quero máis.
BASES DO CONCURSO.
- Poderá participar calquera membro da comunidade educativa, alumnado, profesorado, pais, e persoal non docente.
- Os poemas terán que ser totalmente orixinais.
- Non se permite o uso de termos que poidan resultar ofensivos ou discriminatorios.
- Recolle na Biblioteca un corazón para escribir nel o teu Haiku e aproveita para ler os máis románticos poemas de amor, e elixir un libro de temática amorosa. Os Haikus irán asinados polo reverso co nome e curso do autor ou autora.
- Tendes ata o 11 de febreiro.